Mércores, Outubro 14

Neda e outros sete concellos programarán espectáculos do VIII Festival internacional de entes animados

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Volve o Festival internacional de entes animados. O certame itinerante alcanza a súa oitava edición cun cartel variado e ecléctico, con compañías dos dous lados do Atlántico, e unha vintena de funcións distribuídas en sete localidades de Ferrolterra e máis en Miño. Esta mañá dábase a coñecer na Casa da Cultura nedense a programación íntegra da cita cultural, que arrinca este sábado no Centro cívico de Canido, en Ferrol, e se prolongará ata o 27 de setembro.

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, anfitrión do encontro, e Plamen Dipchikov, director do certame presentaban oficialmente o certame, acompañados pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o concelleiro de Festas de Ferrol, Arán López; a edila de Promoción Económica de Fene, Ángeles Coira; as concelleiras de Cultura de Miño, Valdoviño e Neda, Catalina Morado, Tamara Sabín, e Marián Bello, respectivamente;  o presidente da Asociación veciñal de Canido, Roberto Taboada, e o secretario da Asociación cultural Apelón educación, Javier García. Escusou a súa ausencia a representante de Ares.

Sete compañías procedentes de Reino Unido, Dinamarca, Portugal, Brasil, Arxentina e Galicia presentarán un total de sete propostas de marionetas, de títeres de man e de mesa, teatro de obxectos e sombras chinesas en diferentes escenarios da comarca, apostando claramente pola proximidade.

O alcalde de Neda subliñaba que, un ano máis, o esforzo compartido entre as distintas administracións locais e asociacións fai posible que saia adiante esta iniciativa cultural, que permitirá á veciñanza desfrutar de balde ao pé da casa de espectáculos de máxima calidade chegados de todo o mundo. Un aspecto no que incidían a rexedora de Narón e o edil ferrolán, e o representante da AVV Canido. A iniciativa, segundo apuntaba tanto Alvariño como as concelleiras de Fene, Valdoviño e Miño, “contribúe a diversificar a oferta de actividades de lecer e busca achegar ao público esta disciplina artística”.

Nesta liña, apuntaba Plamen Dipchikov que, entre as novidades desta edición, cómpre destacar que, por primeira vez, haberá un espectáculo destinado especificamente a adultos (“A rosa de papel”, da compañía galega Títeres Alakrán), demostrando que non son só é un xénero para nenos e nenas. “Se trata de ampliar el alcance y llegar a un público diferente”, subliñaba. Ademais, o festival volve apostar pola programación de montaxes para o público escolar, convertendo así aos nenos e nenas en prescritores.

Tamén por primeira vez, e a petición dos concellos, regresan, con novos espectáculos, compañías que deixaron unha pegada especial no seu anterior paso polo certame. Así, a oitava edición do Festival de Entes animados volverá contar con Historioscopio (Portugal) que, desta volta presenta “A Galinha dos Pitinhos de Ouro”; Drew Colby (Reino Unido), que trae “¿Quen é o señor Sombra?”; o dinamarqués Alex Barti; e a compañía brasileira Heliodora, de Fabio Superbi, con “Barbacena”.

Con todo, o certame non renuncia ao seu habitual empeño por descubrir novos artistas e propostas, como a de sombras chinesas e obxectos de Valeria Guglietti (Arxentina) que chega co espectáculo “Non toquen as miñas mans” ou a dos brasileiros Habib e Valeria (“O burro errante”).

No que atinxe á Neda, o Concello concentrará a programación nun escenario único, a Casa da Cultura, e tirará de dúas compañías que seduciron ao público en anteriores visitas á vila. Así, o sábado 19 de setembro, a partir das 12:30 horas, a veciñanza poderá desfrutar da obra “Quen é o señor sombra?” e xusto unha semana despois- o 26 de setembro, ás 12:30 h- das marionetas de “Alex Barti Show”.

PROGRAMA Festival internacional entes animados 2026

Share.

Comments are closed.