Mércores, Decembro 4

En busca da historia do Salón da Ribeira

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Festival Jazz de Ría busca informantes que axuden a recuperar historias do salón de baile que existiu na Ribeira de San Nicolás, en Neda. Alí vaise celebrar un dos concertos máis bailables desta edición. Os ritmos contaxiosos do gypsy swing que caracterizan á banda Aló Django sonarán nese lugar o 14 de agosto. Unha casualidade case máxica coa que o festival rende homenaxe á memoria daquel salón de baile cuxa memoria quere reconstruír coa colaboración de veciñas e veciños que podan achegar anécdotas, imaxes, ou calquera outra información.

Cando a equipa de organización do festival Jazz de Ría escolleu a Ribeira de San Nicolás como escenario para un dos seus concertos con máis ritmo, unha das veciñas, a que vive precisamente na casa azul do número 1, achegouse a contarlles que a súa casa foi un salón de baile a finais do século XIX e principios do XX.

Parece ser que o Salón da Ribeira, como o coñecía a xente naquela altura, pertenceu a Elisa Rey Valle-Inclán e ao seu home, José Yáñez, que tamén tiñan na parte de abaixo da casa un alfolín para gardar o sal e un almacén de comestibles. A filla deles dous, Esperanza, que emigrara a Cuba, faleceu xa en Neda sen descendencia a comezos da década dos 80.

A historia non pode resultar máis acaída e coincidente coa filosofía do festival, que desde a súa primeira edición estivo sempre comprometido coa posta en valor do patrimonio, neste caso o patrimonio inmaterial do Concello de Neda.

Con ese obxectivo, queremos facer un chamamento á veciñanza de Neda para que nos axude a reconstruír a memoria deste fantástico lugar que de seguro atesoura mil historias interesantes. Se alguén coñeceu a Esperanza, se lembra algo sobre o salón ou se sabe de quen poda saber, que se poña en contacto a través das redes sociais do Jazz de Ría ou no teléfono 646 165 044.

O festival quere agradecer a xenerosidade das informantes Carmen, Rosa e Teresa por ter descuberto o Salón da Ribeira. À súa beira, esperamos bailar as contaxiosas melodías do jazz cigano no concerto que a banda Aló Django ofrecerá alí o 14 de agosto, e que sen dúbida serán unha fermosa homenaxe ao pasado dese lugar.

 

Share.

Comments are closed.