A Axencia de Doazón de Organos e Sangue (ADOS) vén de actualizar a programación de saídas dos buses de doazón de sangue para esta semana, ampliando a dous días a presenza da súa unidade móbil diante da Casa da Cultura de Neda. Así, a veciñanza poderá achegarse a doar, sen ter que saír do municipio este venres, de 15.30 a 21 horas – segundo o inicialmente previsto- e tamén o sábado, de 10 a 15 h.
Poden ser doantes as persoas maiores de 18 anos que pesen máis de 50 kg, e teñan boa saúde, e cómpre acudir coa tarxeta de doazón, DNI ou documento similar de identificación. Ademais, é preciso informar ao médico no caso de estar tomando medicación.
O Concello anima á veciñanza a colaborar, contribuíndo así a garantir as reservas de sangue suficientes para poder atender a todas as persoas que o precisen. Lémbrase ademais que dunha única doazón poden chegar a beneficiarse tres persoas diferentes, xa que os distintos compoñentes sanguíneos (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos) adoitan utilizarse por separado.
Ante calquera dúbida, a ADOS pon a disposición da cidadanía o número gratuíto 900 100 828.