A Biblioteca de Neda súmase esta semana á celebración do Día do libro infantil e xuvenil, que se conmemora este mércores, coincidindo co natalicio do escritor danés Hans Christian Andersen. Entre as propostas que chegarán nos próximos días, dúas presentacións literarias e a visita do alumnado dun dos coles do municipio.
Así, este mércores, a partir das 18.30 horas, terá lugar a primeira das citas. Será a presentación da saga “Crónicas do Mago errante”, que adentra ao lector nun mundo épico cheo de aventuras e de misterio.
Da man do escritor e ilusionista Daniel Ares Blanco, a rapazada poderá saber un pouco máis de dos libros Auxe e caída do clan Fu e El viajero Vol. 1, nunha cita chea de maxia, na que ademais se regalará algún que outro exemplar.
O venres 4, a partir das 18.30 horas, unha aposta do máis especial. A sala infantil acollerá a presentación do libro A la aventura, escrito por Alicia Morales Carneiro, unha veciña de Neda de tan só sete anos de idade.
Finalmente, o alumnado do CEIP San Isidro achegarase ao espazo cultural este martes para saber un pouco máis de como funciona a biblioteca, os servizos que presta, e descubrir as miles de historias que teñen ocasión de coñecer facéndose socios/as.