A Deputación reforza o seu apoio á Festa do Pan de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda será un dos 34 municipios beneficiados coa liña de subvencións para o financiamento de accións de promoción económica que activaba a Deputación da Coruña o pasado verán. O Concello, segundo a resolución provisional que vén de publicarse no Boletín oficial da Provincia, recibirá máis de 14.000 euros para apoiar a última entrega da Festa do Pan.

A entidade supramunicipal asumirá unha parte dos gastos derivados da celebración da XXXIV edición desta arraigada cita, que pon en valor o produto estrela da gastronomía de Neda. O evento reunía o pasado mes de setembro a milleiros de persoas no paseo marítimo de Xuvia.

Con esta aportación de 14.682 euros, a Deputación, presente tamén na cita, a través da Rede Cultural, reforza o seu compromiso con esta Festa de interese turístico de Galicia, destinada a reivindicar a calidade dos produtos que saen dos fornos nedenses. Unha axuda externa que se suma á de Turismo de Galicia, que aporta 4.000 euros para difusión e promoción do certame.

A Festa do Pan, que pon de releve a importancia do sector panadeiro no municipio (xera uns 160 empregos, entre profesionais dos obradoiros, despachos de venda e persoal de reparto e beneficia de forma indirecta a outros sectores), contou este ano coa colaboración de sete fornos do municipio, e tivo como pregoeira á nedense Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da UDC.

Share.

Comments are closed.