A Deputación provincial da Coruña colaborará cos Servizos Sociais Municipais cunha achega de 229.598,96 euros ao longo deste ano. Estes fondos permitirán financiar a contratación de persoal, e máis concretamente, dun/ha administrativo/a C1 ou C2 (18.000 euros), dun/ha técnico/a A2 (11.000 euros) e de persoal auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a prestación do servizo en libre concorrencia (200.598,96 euros). Na práctica, suporá a prestación de ata 16.716,58 horas que incidirán directamente na atención das persoas dependentes e de avanzada idade da localidade.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba hoxe a resolución pola que se aproba provisionalmente a concesión do Programa de Financiamento dos Servizos Comunitarios Municipais en 2022 da Deputación, e a partida reservada ao Concello de Neda é a segunda maior das concedidas entre todos os municipios da provincia.