Declaración 8 de Marzo do 2022 – Día Internacional da Muller

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Cada 8 de marzo, o Concello de Neda reivindica o Día Internacional da Muller reafirmando que a igualdade entre mulleres e homes debe vertebrar toda a sociedade. A igualdade é unha cuestión de calidade da democracia e tamén garantía de que o benestar se produza para todas as persoas e non para a metade da poboación. As mulleres non son un colectivo, son a metade da humanidade, e polo tanto, a desigualdade e opresión que sufren por ser mulleres golpea directamente ao corazón das nosas democracias xa que impide o desenvolvemento pleno da súa condición de cidadanía.

Nacións Unidas elixiu para este 8 de marzo o lema “Igualdade de Xénero hoxe para un mañá sostible” co obxectivo de recoñecer e visibilizar a contribución das mulleres na loita contra o cambio climático. As mulleres están a liderar os esforzos de resposta, mitigación e adaptación ao cambio climático para construír un futuro máis sostible. Potenciar a igualdade entre mulleres e homes nun contexto de crise climática é un dos maiores desafíos do noso século.

A loita contra a violencia machista segue sendo o principal obxectivo político. Para unha sociedade democrática é inaceptable que as mulleres vivan con medo, ameazadas ou sufrindo torturas. O noso compromiso é firme e sabemos que a erradicación da violencia machista ten que ser un compromiso de país.

Este 8 de marzo tamén queremos celebrar todos e cada un dos éxitos e achegas que o feminismo fixo ao noso país. Logros que parecían imposibles e que sempre se converteron en cuestión de puro sentido común para as xeracións seguintes. Logros que fixeron, do noso, un país máis digno e máis libre.

O Concello de Neda é consciente de todo o camiño que queda por percorrer ata a igualdade plena e efectiva das mulleres no noso país. Fronte a quen menospreza o feminismo e quen ameaza os dereitos das mulleres, o Concello comprométese a seguir avanzando na conquista e defensa dos dereitos das mulleres.

Viva o 8 de marzo!!!

Share.

Comments are closed.