O Concello de Neda, O Parrulo FS e a Fundación Gadesport organizarán do 3 ao 5 de abril unhas xornadas de convivencia con torneos diarios por categorías no pavillón municipal da localidade. A planificación da actividade contempla clases pola mañá, en horario de 10 a 13 horas, e competicións pola tarde, de 16 a 20 horas. Así, os nenos e nenas empadroados en Neda, practiquen este deporte ou desexen iniciarse nel, que queiran tomar parte poden inscribirse dende xa enviando un whatsapp ao 673 66 86 64 ou un email ao correo escuela@parrulofs.es. Hai que indicar “Inscrición xornadas de convivencia en Neda” e o día que corresponda segundo a categoría, o nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto.
As xornadas arrancarán o luns 3 de abril, para os xogadores e xogadoras nados entre os anos 2017 e 2019. Pola tarde, haberá torneos da categoría base feminina, máis partidos de exhibición de chupetes e biberóns. O martes 4 de abril, será o turno dos nenos e nenas nados entre 2013 e 2014, cun triangular da categoría benxamín pola tarde. E finalmente o mércores 5 de abril, chegará a quenda dos pequenos e pequenas nados entre 2015 e 2016, cun novo triangular pola tarde, neste caso de categoría prebenxamín.
Na actividade, e como equipos convidados, tamén tomarán parte os clubes Troula Betanzos FS e Lago DVSport de As Pontes.