Visita ao CEIP de Maciñeira nesta última xornada do curso
Neda, 22 de xuño de 2021. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, compartiron o último día de curso co alumnado do CEIP Maciñeira. Durante a visita ao colexio, destacaron o excelente traballo realizado polas direccións dos centros educativos e mais polo profesorado que, como subliñou o representante do goberno autonómico, “máis aló da súa función educativa, levaron a cabo un importantísimo traballo de organización apoiando ao alumnado nunha situación difícil e comprometida”. Aproveitaron ademais para pór en valor o exemplo que deron os alumnos, que malia a súa idade cumpriron as normas e seguiron esforzándose día a día nas aulas.
Durante o percorrido polo centro, no que tamén participaron a concelleira de Educación, Ángeles Puentes, e o xefe provincial de Educación, Indalecio Cabana, o delegado territorial sostivo que, grazas a ese esforzo conxunto, no que tamén xogaron un papel fundamental as familias, logrouse que os centros fosen uns lugares seguros e púidose manter os máximos estándares de calidade no ensino e unha presencialidade case total nas aulas galegas.
Trenor resaltou que non foi unha tarefa fácil e lembrou que se inxectaron 162 millóns de euros adicionais no sistema educativo, e apuntou que o Goberno galego está elaborando xa un protocolo de transición que nos permitirá avanzar cara a normalidade para seguir dando pasos mantendo a seguridade sanitaria.