Co obxectivo de estender aos festexos as boas prácticas en materia de reciclaxe, o Concello de Neda e máis Ecoembes fixeron un esforzo de concienciación durante a recente edición da Festa do Pan. Os milleiros de persoas que pasaron polo paseo de Xuvia tiveron ocasión de poñer o seu gran de área para facer máis sostible o certame.
Convidada pola administración local, a organización ambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases en España dotou de papeleiras amarelas (latas, bricks, plástico…) e azuis (papel, cartón) o espazo da celebración. Así, situáronse oito pequenos colectores de cada tipo, que a administración local poderá aproveitar noutros eventos, na contorna do albergue de peregrinos.
En paralelo, habilitouse un punto informativo para divulgar entre as persoas participantes a obriga de separar en orixe os residuos -o compromiso da veciñanza de Neda é cada vez maior, tal e como reflicten as cifras anuais- e resolver, da man de técnicos, posibles dúbidas sobre que debe ir e que non a cada contedor. Unha materia pendente, dado que o volume de impropios (residuos que acaban no colector incorrecto) segue a ser elevado. No espazo entregouse ademais material informativo para impulsar as boas prácticas de reciclaxe e merchandising.
Dende o Concello subliñan que en datas sinaladas, como a Festa do Pan, nas que se produce un extra de residuos, cómpre facer un esforzo para lembrar a importancia do hábito de reciclar para reducir o impacto no medio ambiente.