Martes, Setembro 8

O Concello compra a nave do antigo estaleiro do Puntal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de acordar a compra da nave situada xunto ao espigón do Puntal. A recuperación deste galpón, que albergou ata 1970 unha antiga carpintería de ribeira, é unha antiga reivindicación da veciñanza da zona. Agora, o primeiro paso xa está dado.

A administración local vai investir un total de 23.500 euros en facerse coa propiedade do vello estaleiro, construído nos anos corenta polo fenés Salvador Rodríguez, despois de residir un tempo en Cuba e nos Estados Unidos, segundo a Asociación Galega de Patrimonio Industrial. Durante anos, e grazas a unha cesión, o Concello botou man desas instalacións que, a pesar do lavado de cara realizado con fondos públicos hai algo máis dunha década, presentan un estado de conservación deficiente.

Unha vez conseguida a titularidade, o goberno local aspira a acadar, a través de subvencións, os fondos precisos para acometer agora unha reforma imprescindible para poder utilizar este inmoble duns 250 metros cadrados. O obxectivo, destinalo a usos deportivos e de lecer. No punto de mira, liñas de financiamento existentes para a rehabilitación do patrimonio pesqueiro.

A posta a punto desta vella construción enmárcase no proxecto de mellora integral da franxa litoral de Neda, comprendida entre o areal do Puntal e a veciña localidade de Fene. Cabe lembrar que os alcaldes dos dous municipios demandaban hai un par de meses a Demarcación de Costas a extensión ata ese punto da pasarela peonil de San Valentín, e que Neda comprometeuse a redactar o proxecto construtivo para facilitar que a iniciativa se materialice.

 

Share.

Comments are closed.