A Biblioteca Municipal de Neda prepara o seu particular arranque do curso. E así, ao tempo que fixa a data na que se retomarán as reunións do seu club de lectura, avanza a intención de activar un segundo grupo de adultos no marco desta iniciativa. As persoas amantes da literatura que queiran compartir a súa afección poden apuntarse dende este mércores na Casa da Cultura. Terán, claro está preferencia os veciños e veciñas da localidade.
Tras varios anos de parón, o Concello recuperaba con éxito durante a pasada tempada este club, cuxos integrantes volverán xuntarse o primeiro martes de cada mes, comezando polo 1 de outubro. A acollida brindada por parte dos usuarios/as do equipamento municipal fixo que mesmo quedaran persoas en lista da agarda. Unha circunstancia á que agora se busca dar resposta.
Apuntan dende a Casa da Cultura que este segundo foro se reuniría os primeiros xoves de mes, en horario de tarde, para comentar e poñer en común as súas impresións sobre unha obra proposta con anterioridade. As persoas que queiran participar deberán anotarse dende este mércores na biblioteca (teléfono 981390233). As prazas serán limitadas, tendo prioridade os nedenses.
O Concello botará man da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia para poder facilitar aos participantes o préstamo de exemplares múltiples dun mesmo título. A iniciativa busca propiciar unha lectura crítica das obras e fomentar a relación entre a veciñanza que comparte afección.