O Concello de Neda acollerá este domingo a saída do XXXV Memorial Adolfo Ros Volta á Ría, na que confirmaron a súa participación 862 atletas nas diferentes categorías. A carreira, organizada polos concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda, regresa ao calendario deportivo tras o parón de 2020. Iso si, con todos os esforzos postos nas medidas de prevención fronte á covid-19.
Dende o Concello de Neda infórmase dunha serie de cortes de tráfico polo itinerario que discurrirá a carreira, e que estarán vixentes o mesmo domingo 12 de decembro entre as 8:00 e as 14:00 horas e, por este motivo, prégase non aparcar nos arcéns destas vías nos horarios sinalados. Son as seguintes:
-Avenida Castelao
-Rúa Camiño do Regueiro
-Rúa Concepción Arenal
-Rúa Rosalía de Castro
-Rúa Xeneral Morgado (ata o cruce con Trovador Esquío)
Como alternativa á circulación, deberán tomarse as rúas Alonso Escudero e rúa Real e, como estacionamentos alternativos, prevense as rúas Piñeiros e Valle Inclán, o lugar Fábrica Labora e máis as inmediacións do pavillón municipal.
A carreira, incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo, arrancará ás 10:00 horas do 12 de decembro. A saída e chegada estará situada na rúa Camiño do Regueiro, en Neda, e o percorrido será de media maratón, duns 21 kms sobre asfalto.
Discurrirá polos seguintes puntos: Neda (rúa Camiño do Regueiro e Avenida Alxeciras); Fene (Avenida Conces, Cruce Igrexa, Avenida das Pías, Avenida do Mar), Ferrol (rúa Telleiras, Avenida de Esteiro, estrada de Caranza, Avenida Mac Mahón, rúa Taxonera, rúa Irmandiños, praza de Galicia, rúa Concepción Arenal, rúa Real, praza de España, rúa Carvalho Calero, estrada de Castela); Narón (Ponte das Cabras, estrada de Castela, rotonda de Freixeiro, estrada de Castela) e Neda (ponte de Xuvia, Avenida de Xuvia, Toeleira, Santa María, Avenida de Alxeciras e rúa Camiño do Regueiro).
O itinerario estará sinalado cada 5 quilómetros, como mínimo, establecéndose controis e postos de avituallamento nos 4 municipios (km. 5, 10, 15 e 20). Na proba participarán atletas, federados/as ou non, nados no ano 2003 e anteriores.
Así mesmo, establécense varias categorías: absolutas (Sub 20, Sub 23, sénior, Máster A, B, C e D, cadeira de rodas, handbike e invidentes) e menores -non oficiais da Federación Galega de Atletismo- (Sub 18, Sub 16, Sub 14, Sub 12, Sub 10 e Sub 8). Estas últimas, cos mesmos puntos de saída e chegada que a media maratón, cubrirán diferentes distancias segundo a categoría, entre os 800 e 4.000 metros.