Mércores, Febreiro 21

Chega a Neda a exposición itinerante co mellor do “XIV Certame de artesanía Antonio Fraguas” da Deputación

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A Casa das palmeiras de Neda acollerá dende este mércores a exposición itinerante do “XIV Certame de artesanía Antonio Fraguas”. Veciñanza e visitantes poderán desfrutar na instalación municipal ata o 17 de outubro das mellores obras presentadas ao premio impulsado pola Deputación da Coruña.

A mostra que chega á vila inclúe unha selección das mellores pezas presentadas a ultima edición deste certame, destinado a pór en valor, dar visibilidade, e recoñecer a importancia que a artesanía, en canto que manifestación artística, ten no campo social, económico e cultural galego.

A exposición, peza clave nese apoio da Deputación á creación artística, está integrada por 25 das 82 pezas presentadas ao certame, ás que hai que sumar, claro está, os traballos gañadores nas modalidades de artesanía tradicional (“Vestido de noiva en tres versión”, unha peza en liño da zaense Carmen Riveiro, vencedora dúas veces deste premio) e de artesanía contemporánea (“Lo que contiene”, unha escultura de gres e cerámica de Verónica Moar).

Unha ampla variedade de técnicas (porcelana pintada, torneado e talle de madeira, forxa, modelado en 3D, gancho con fío de prata, tallado en cera…) permiten desfrutar de esculturas, xoias e complementos únicos nesta mostra que supón un recoñecemento ao bo facer das artesás e artesáns do noso tempo.

Apuntan dende o departamento de Cultura que a exposición do premio que honra ao escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo Antonio Fraguas pode visitarse na Casa das palmeiras os luns, mércores e venres en horario de mañá (de 11 a 13 horas) e os martes e xoves pola tarde (de 18 a 20 horas).

Share.

Comments are closed.