Mércores, Abril 23

Fene, Mugardos e Neda impulsan ata maio un ciclo de charlas para axudar ás familias a previr as adiccións na mocidade

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O programa socioeducativo “Máis que un teito”, promovido polos concellos de Fene, Mugardos e Neda, ofrecerá de aquí ao mes de maio media ducia de charlas destinadas a pais e nais con fillos e fillas menores dos tres municipios. O obxectivo fundamental non é outro que acompañalos na educación, e mellorar a prevención das condutas adictivas da mocidade. As familias poden inscribirse naquelas sesións que sexan do seu interese.

A proposta chega, no caso de Neda, en paralelo aos obradoiros que ao alumnado terá nos centros de ensino. Serán en total seis charlas participativas, nas que se resolverán as dúbidas formuladas polos proxenitores, buscando reforzar a información que teñen as familias a nivel emocional e facilitándolledo pautas de actuación destinadas a detectar condutas de risco.

O ciclo, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Fene, arrancou a semana pasada cunha xornada sobre a preadolescencia e a adolescencia. Terá continuidade este luns, a partir das 18.30 horas, cunha sesión centrada na “Prevención ou abordaxe dos conflitos nas familias”. Estará dirixida pola psicóloga e educadora de disciplina positiva Andrea Bechlian.

Programación

No mes de abril haberá unha sesión na que se brindarán claves para a educación emocional (luns 7) e outra cobre a importancia de coidarse para poder educar (28 abril). Finalmente, en maio programarase unha xornada para analizar o papel das familias en relación coas adiccións de fillos e fillas (5 maio). E despois haberá sesións para tratar a influencia das redes sociais na sexualidade dos menores (luns 19) e o uso/ abuso das tecnoloxías (28).

Inscricións

As familias nedenses poden inscribirse naqueles obradoiros que sexan do seu interese, enviando esta ficha ao correo electrónico servizos.sociais@fene.gal . Para obter máis información sobre as charlas deste programa intermunicipal, subvencionado pola Consellería de Sanidade,  poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233, ext. 2). O prazo de inscrición rematará o venres antes de cada sesión e, no caso de que exista demanda, activarase un servizo de conciliación para facilitar a participación.

FORMULARIO_MAIS_QUE_UN_TEITO

Share.

Comments are closed.