Traballador do naval, primeiro alcalde de Neda na Democracia, cargo que ostentou ao longo de case que tres décadas, e un dos precursores do Camiño Inglés. Son algunhas das razóns que, xunto ao seu compromiso coa cultura e a historia local, motivaron a decisión de Estrella Galicia de elixir a Carlos Pita como un dos cinco protagonistas dos grandes murais que integran a galería de arte ao aire libre Las Estrellas del Camino. O seu retrato sobre un dos edificios da Toeleira, en Neda, incorpórase á mostra que acompaña xa aos peregrinos e peregrinas da ruta xacobea ao seu paso por Neda.
O prestixioso pintor e muralista británico David Speed é o autor destas auténticas obras de arte situadas, ademais de en Neda, en Reading, Ferrol, Miño e Ordes (este último, pendente de realización). Segundo Estrella Galicia, o proxecto artístico invítanos a reflexionar sobre o valor humano das xentes que habitan o Camiño de Santiago: un factor fundamental tanto na conservación como no rexurdir da peregrinación.