Mércores, Decembro 4

Bota a andar nas aulas de Neda o programa comarcal de sensibilización en materia de diversidade sexual

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O IES Fernando Esquío acollía esta semana a primeira das sesións do Laboratorio de apoderamento Lab LGBT+, o programa de sensibilización social en materia de diversidade sexual, no que están a traballar en rede seis concellos (Ferrol, Narón, Fene, Neda, Valdoviño e San Sadurniño), e centros de ensino da comarca.

Tras realizar un cuestionario previo para coñecer o nivel de información respecto da temática do programa e para detectar posibles necesidades, preto de medio cento de estudantes do municipio (alumnado de 4º da ESO) participaban estes días na primeira das entregas desta iniciativa.

Esta sesión, que combinou explicacións teóricas e debate nas aulas para entender as percepcións da rapazada, tivo un carácter xeral e serviu para introducir o que é a norma de xénero, é dicir, eses principios sociais interiorizados sobre como deben ser e actuar homes e mulleres, e avaliar como inflúe na diversidade sexual.

Nas próximas semanas haberá novas citas – estas de participación voluntaria- co Lab LGBT+ no instituto nedense. O obxectivo, seguir afondando na cuestión, e poñer foco nas experiencias vitais ao respecto da diversidade sexual. Ademais, proporanse por grupos accións que se poderían levar a cabo no centro ou na vila para seguir sensibilizando a cidadanía neste eido.

O proxecto de innovación educativo, que conta co apoio da Deputación da Coruña, incluirá ademais nos meses de outubro e novembro formacións para as familias do alumnado e para o profesorado do instituto.

 

Share.

Comments are closed.