Unha trintena de persoas participaron esta mañá na ruta da Fervenza. Unha andaina que marcou o arranque da programación especial con motivo da Festa do Pan, concibida para pór en valor o patrimonio natural e etnográfico da contorna do río Belelle. O itinerario concluíu cunha degustación de produtos dos fornos locais.
Ao longo do percorrido, os participantes tiveron ocasión de desfrutar da beleza paisaxística do curso fluvial e observar algún dos aproveitamentos do río, clave na orixe da tradición panadeira local e factor, tempo atrás, do desenvolvemento económico da vila.
Así, o percorrido río arriba dende a Área recreativa de Maciñeira pasa xunto a antigos muíños fariñeiros -o máis popular, o da Barcia- outros concibidos como fábricas de papel (Gandarela), polo pazo de Isabel II (antiga fábrica de tecidos) e, antes de chegar á Fervenza, xoia natural da localidade, a central hidroeléctrica.
A ruta, de 6,8 quilómetros, concluíu cunha degustación final de empanada para repor forzas, na que colaboraron os fornos que participan e colaboran este domingo na 34 edición da Festa do Pan de Neda, declarada de interese turístico de Galicia.