Os concellos de Ares, Fene e Neda porán en marcha proximamente o obradoiro dual de emprego “Reinicia XII”. Trátase dun programa mixto de emprego e formación, destinado a mellorar a ocupabilidade de veciños e veciñas desempregadas. A iniciativa permitiralles, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social, obter certificados de profesionalidade nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, de traballos de carpintería, ou de aplicación de barnices e lacas en elementos de carpintería e moble.
Tras a concesión por parte da Consellería de Emprego da subvención para facer fronte aos gastos de formación, de funcionamento, e salarios, bota a andar o proceso para a selección do alumnado do programa. Beneficiaranse un total de 20 persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que carezan na actualidade de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego. Contarán con “contrato para a formación e alternancia” durante un período de nove meses.
O Concello de Ares tramitará as ofertas de emprego na Oficina de Emprego de Ferrol-Esteiro, que fará unha preselección de persoas candidatas. Un tribunal cualificador, con representantes dos tres municipios promotores, fará a baremación dos criterios avaliables e a valoración das entrevistas.
BASES-OBRADOIRO-DE-EMPREGO-REINICIA-XII-ALUMNOS-con-anexos-2026