O Pleno do Concello de Neda deu luz verde inicial, por unanimidade, na reunión ordinaria deste mediodía, ao regulamento do Consello da Memoria Democrática do Concello de Neda. Tratarase dun ente consultivo que terá como funcións informar, asesorar e facer propostas ao respecto da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática. A súa creación, a proposta da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, era avanzada polo alcalde o pasado mes de marzo.
O ente estará presidido polo rexedor municipal, e contará como vocais con representantes dos distintos grupos políticos municipais; “un ou dous representantes por entidade memorialista con recoñecido traballo na bisbarra” e, cando menos, un historiador destacado polo seu traballo no eido da investigación memorialista en Ferrolterra. Ademais, de forma ocasional, poderán ser chamadas outras persoas ou entidades que garden relación cos asuntos a tratar. Reunirase, de forma ordinaria, semestralmente.
Segundo o texto aprobado, que se someterá agora a información pública, entre as finalidades do consello municipal se atopan o asesoramento nos asuntos relacionados coa aplicación no termo municipal da Lei de Memoria Democrática/Histórica; favorecer a reparación e dignificación dos veciños/as que padeceron calquera tipo de represalia pola ditadura franquista; impulsar a investigación e difusión dos aspectos e episodios históricos ou sociais do Concello de Neda que fosen silenciados ou terxiversados pola ditadura franquista.
Outros temas aprobados
Noutra orde de cousas, o pleno aprobaba por unanimidade unha proposta do BNG para avaliar as opcións de cara ao próximo curso académico de que o Concello xestione o servizo de madrugadores dos colexios públicos locais “mentres a Consellería non asume as súas competencias” neste tema. Entre as medidas aprobadas están a realización dun estudo de custos e dun regulamento para a concesión de axudas.
Finalmente, o Concello fixo súa, co voto a favor do grupo de goberno e a abstención da oposición, a declaración institucional, consensuada na FEGAMP, con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Un manifesto que inclúe o compromiso por reforzar as medidas de prevención e protección ás vítimas e fai unha chamada a acabar cos silencio cómplices que, en moitas ocasións, rodean a este problema social.
Declaración institucional 25N da FEGAMP, subscrita hoxe polo Concello de Neda