Ao redor de 700 persoas inscribíronse para participar o domingo na VII Andaina solidaria de Neda. A marcha, que repite o lema “Os nosos pasos dan vida”, está promovida polo Concello e por voluntarias locais, e encherá de xente ás rúas en apoio ao labor da Asociación española contra o cancro (AECC). O obxectivo da iniciativa é recadar fondos para impulsar os servizos de atención aos pacientes oncolóxicos e tamén a investigación contra a enfermidade.
A marea fucsia, cor da camiseta coa árbore da vida vendida en edicións anteriores, partirá este domingo 17 de novembro, ás 11 horas da contorna do albergue de peregrinos, no paseo de Xuvia, iniciando un percorrido circular duns cinco quilómetros. Apuntan dende a organización que a cifra definitiva de persoas que decidiron apoiar a causa podería aínda moverse por mor de inscricións de última hora e do reconto dos dorsais solidarios.
A recadación da cita, froito da venda de dorsais, entregarase á delegación en Ferrol da veterana asociación, que traballa por mellorar a calidade de vida dos pacientes e que ten o reto de acadar unha supervivencia do 70% antes do 2030 en cánceres que non alcanzan na actualidade o 30%. A contía definitiva recadada darase a coñecer o mesmo domingo tras a finalización do itinerario, nun acto conducido polo cantante aresán Geno.
A retirada dos dorsais da andaina comeza esta mesma tarde na Casa das Palmeiras, de 17:30 a 19:30 h; mañá sábado de 10 a 12:00 h, e o mesmo domingo, dende unha hora antes da saída.
Un ano máis, unha morea de negocios, establecementos comerciais e hostaleiros da comarca colaboran, de forma totalmente desinteresada, na iniciativa e aportan agasallos para o sorteo que se celebrará ao remate da camiñada.