Ángel Alvariño Saavedra, cabeza de lista do PSOE nas últimas eleccións municipais, tomaba posesión este mediodía como alcalde do Concello de Neda, tras obter a maioría absoluta dos votos emitidos polos concelleiros da recén constituída corporación local. O rexedor comprometeuse a continuar “aínda con máis intensidade” a senda de progreso iniciada oito anos atrás, e tendeu a man á oposición para traballar polo futuro de Neda.
Nunha concorrida sesión plenaria, desenvolvida na Casa da Cultura, constituíse, tras cumprirse os trámites de rigor e, unha vez prometidos os cargos, a nova corporación municipal, integrada desta volta por 11 concelleiros e concelleiras (6 do PSOE, 2 do PP, 2 do BNG e 1 de Moveneda), entre eles, cinco debutantes. Edís que tiveron como primeira encomenda a elección do alcalde para os próximos catro anos.
Cada formación con representación optou por votar ao seu candidato, acadando o socialista Ángel Alvariño a maioría absoluta dos votos para ser investido. Así, revalidaba o cargo que ostentou nos dous últimos mandatos.
Na súa primeira intervención, e tras os agradecementos á veciñanza, á familia, ao equipo e ás anteriores corporacións, mostrou o seu orgullo por poder ostentar a alcaldía e por ser depositario da confianza do pobo de Neda.
Alvariño comprometeuse a “continuar, aínda con máis intensidade se cabe, co impulso acadado desde o ano 2015”, servindo ao conxunto da veciñanza. “Esforzarnos todo o posible para construír un concello de progreso, dinámico, transparente e con maior calidade de vida”, subliñou, antes de tender a man á oposición. “Queremos facer partícipes da nosa acción de goberno aos distintos grupos que forman parte da corporación”, asegurou, engadindo que seguirá gobernando “coa porta aberta aos veciños e veciñas”. O pleno finalizaba coa interpretación do Himno Galego.