O Concello de Neda vén de amplíar ata o 26 de decembro o prazo para inscribirse na III San Silvestre Concello de Neda, que terá lugar o día de Fin de Ano pola mañá, con saída e chegada na pista polideportiva do Roxal. Trátase dunha proba, pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, e incluída no “X Circuíto da Deputación da Coruña”.
Atletas federados/as ou afeccionados/as que desexen participar nesta carreira popular poden anotarse ata a medianoite do día posterior ao de Nadal a través da web www.carreirasgalegas.com. Nesta páxina web poderán tamén consultar o regulamento da carreira. Só os maiores de idade terán que aboar a cota de inscrición de 6 euros, para os menores é de balde.
A proba absoluta terá un percorrido aproximado de 5,4 km por asfalto (tempo máximo de 45 minutos), en tanto que os participantes das categorías sub 16 e sub 14 (nacidos entre o 2009 e o 2021) terán que cubrir un circuíto de 1,4 km, e os das categorías sub 12 e sub 10 (2013-2016) correrán 700 metros. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.
Dende o Concello de Neda animan ás persoas afeccionadas ao atletismo de Ferrolterra, Eume e Ortegal a despedir o ano correndo. Polo de agora, na proba van inscritos ao redor dun cento de deportistas.