Martes, Decembro 3

Alumnos e alumnas do CEIP de Maciñeira aprenden sobre a riqueza do río Belelle a pé de campo da man do profesor Lois Anxo Rodríguez

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A guía “O río Belelle ao natural”, do profesor Lois Anxo Rodríguez, naceu como unha ferramenta didáctica para favorecer un coñecemento activo do ecosistema do río e da súa contorna. Para iso, a publicación fuxe da mera descrición para propoñer e plantear experiencias e actividades sinxelas adaptadas a todas as idades. A semana pasada, e profundizando nesa filosofía, o autor convidou aos rapaces e rapazas de 5º e 6º curso de Primaria do CEIP de Maciñeira a levar á práctica esas dinámicas.

Así, nenos e nenas convertíronse temporalmente en científicos profesionais para avaliar a calidade das augas do río e, utilizando os seus invertebrados como bioindicadores, certificaron que era excelente.

Así mesmo, tamén se achegaron ás diferentes variedades de árbores de ribeira, identificándoas e clasificándoas. Alí atoparon as máis frecuentes e abundantes: abeleiras, ameneiros, carballos, salgueiros, freixos… e, da man de Lois Anxo Rodríguez, aprenderon os usos tradicionais que tiveron no pasado (dende a elaboración de zocas de bidueiro ata pezas para os carros co carballo).

Experiencias prácticas coas que o alumnado desfrutou en primeira persoa da rica contorna natural do Belelle, e que continuarán a finais de mes nas aulas do CEIP San Isidro.

A guía, editada polo Concello de Neda, pode consultarse na Biblioteca Municipal de Neda.

Share.

Comments are closed.