Mércores, Decembro 4

Alumnado do instituto coñece a actividade e a historia da Fábrica de Xuvia nunha visita impulsada dende o Concello

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Alumnado do IES Fernando Esquío visitaba esta mañá as instalacións de Galicia Textil. A actividade, promovida polo Concello de Neda, permitiu aos rapaces franquear a porta da Fábrica de Xuvia, coñecer o proceso de produción actual, e afondar na historia desta colonia fabril xurdida por iniciativa da coroa hai máis dous séculos.

Da man do actual director da empresa, Héctor González, estudantes de primeiro de bacharelato puideron descubrir un complexo que, en etapas pretéritas, chegou a dar traballo a máis de mil persoas, e aloxar a decenas de familias. A concelleira de Educación, Ángeles Puentes, sumouse ao percorrido.

Así, pasaron ante os edificios das antigas vivendas dos traballadores e consello de administración, e accederon ás distintas áreas da planta de elaboración de tecidos. A factoría, tal e como explicou o seu responsable, está centrada dende hai anos na fabricación de tecidos técnicos, como os utilizados para a confección de prendas ignífugas. Trátase de tecidos dirixidos fundamentalmente a sectores como o sanitario ou o militar.

A visita, organizada polo Concello para dar a coñecer un pouco máis do patrimonio local, continuou na igrexa, rehabilitada polos actuais propietarios nos anos noventa. E pechouse cun repaso rápido á historia das instalacións, concibida como unha mini cidade autónoma. Falouse da orixe como Real Fábrica Nacional de Cobrería, destinada a primeiro crear pranchas de cobre para o recubrimento dos barcos da Armada, e dos distintos usos que viñeron despois ata chegar a finais do século XIX ao sector téxtil (fábrica de fusís de chispa, Real Fábrica de Moneda, fábrica de latas para conservas).

 

Share.

Comments are closed.