¿Que pasaría se a guerra de Ucraína se estendese a Neda? Esta é a pregunta á que o alumnado de 3º e 4º de Primaria do CEIP San Isidro tenta dar resposta na exposición que, baixo o título “Neda en pé de Paz”, inauguraba esta mañá no Centro Cívico. Unha mostra que nace das inquedanzas dos estudantes xeradas a raíz do conflito. Unha preocupación que continúa un ano despois e que serviu de base para este traballo artístico elaborado con motivo do Día da Paz, o pasado 30 de xaneiro. Un traballo incluído tamén no plan de formación permanente do profesorado, este ano baixo o lema “Emocións na mochila”. Así, ademais de fomentar a expresión artística nas aulas, tamén se traballou o debate, a reflexión e emocións como a empatía, a dor ou a solidariedade.
Tralo seu paso polo CEIP, a expo chega ao Centro Cívico. E trala inauguración desta mañá, á que asistiu a concelleira de Educación, Ángeles Puentes, e profesorado e alumnado do cole, o público poderá visitala de luns a venres ata o 21 de marzo, en horario de 10:00 a 12:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
A mostra reúne traballos realizados coa técnica do collage. A primeira capa, imaxes de Neda, potenciais escenarios da guerra. A segunda capa, elementos bélicos como soldados, tanques, armas… A terceira capa, a cor, que é incapaz de ocultar o sufrimento. Tras capas que, unidas, lanzan unha mensaxe: a violencia nunca é solución.