A veciñanza de Neda trasladou o seu cariño a Ale de Paz González na recepción institucional celebrada esta tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Neda, a súa vila natal. Un acto co que o Concello quería rendir homenaxe e amosar o seu orgullo pola xogadora do Pescados Rubén Burela FS e da selección nacional.
Visiblemente emocionada, chegaba á Casa da Cultura acompañada da súa familia e era recibida polo alcalde, Ángel Alvariño; a concelleira de Deportes, Ángeles Puentes, e os representantes dos grupos municipais.
O acto arrancaba coa proxección dun vídeo con imaxes dalgúns dos mellores partidos e trunfos colleitados pola guerreira laranxa, como a recente liga. De seguido, asinaba no Libro de Ouro do municipio e recibía de mans do alcalde un retrato do artista local Carlos García. Finalmente, Ale de Paz, un auténtico referente para os seus veciños e veciñas, agradecía o cariño e calor recibidos. De seguro que á vista da súa traxectoria, as homenaxes continuarán no futuro.