Mércores, Febreiro 21

Adxudicadas por máis de 42.000 euros as obras de restauración do pavimento das rúas Real e Paraíso

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de adxudicar as obras de posta a punto do Camiño Inglés ao seu paso polo casco histórico. Así, co apoio de Turismo de Galicia, investirá algo máis de 42.000 euros na restauración do pavimento das rúas Paraíso e Real. A intervención suporá unha considerable mellora para a veciñanza e, de paso, tamén para os peregrinos/as.

A actuación permitirá poñer a punto estas céntricas vías, pavimentadas con lousas de granito. As rúas presentan danos derivados da rotura das pedras, e afundimentos do firme nalgún punto como consecuencia do paso de camións. E a actuación prevista busca dar unha solución permanente a estes problemas, optimizando a seguridade dos viandantes e facilitando a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

Así, procederase á demolición do firme nas zonas danadas- actuarase en 40 puntos ao longo destas vías- substituíndose as lousas rotas ou afundidas por outras novas. Ademais levarase a cabo o levantado e nivelación do pozos e arquetas de rexistro.

A intervención, adxudicada a Conscyc 2020 SL por 42.164 euros, suporá a completa restauración das rúas centrais do casco histórico, nas que o Concello viña realizando pequenas actuacións de mellora nestas vías que son punto de paso obrigado para moitos veciños e para os milleiros de peregrinos que percorren cada ano a ruta de peregrinación que sae do peirao de Ferrol.

Share.

Comments are closed.