A nova entrega do ciclo “Acompañar no reto de educar”, que desenvolven os concellos de Fene, Neda, e Mugardos, ofrecerá algunhas claves para mellorar a comunicación cos fillos e fillas adolescentes. A iniciativa, programada para o próximo luns, a partir das 18 horas, ten aberto o prazo de inscrición.
Durante a sesión, falarase do momento biolóxico, evolutivo e socio-afectivo que representa a adolescencia. Unha etapa na que a comunicación é, sen dúbida, un dos maiores desafíos cos que se atopan as familias.
Rapazada que contesta con monosílabos, que mostra pouco ou ningún interese por compartir o que lle pasa e por escoitar o que lle explican os seus proxenitores, actitudes rebeldes… na charla explicaranse estas condutas e outras conductas con casos prácticos, e ofreceranse algunhas estratexias para acadar unha comunicación asertiva.
A actividade, dirixida a familias dos tres municipios, especialmente aquelas con menores adolescentes ou preadolescentes, Anpas e entidades sociais, desenvolverase na Casa da Cultura de Fene. E para participar haberá que anotarse a través deste formulario de inscrición online . No caso de que se requira servizo de conciliación deberá indicarse antes deste venres.
A veciñanza nedense que queira máis información sobre o ciclo “Acompañar no reto de educar”, que forma parte do programa intermunicipal “Más que un teito”, pode contactar co servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben cos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607) encargados da coordinación do proxecto.