O curso comezaba este ano en Neda cun incremento da matrícula significativa nos dous centros educativos de Infantil e Primaria. Un dato que constataba a calidade do seu proxecto educativo, e no que tamén inflúe a incorporación de novos servizos. Entre eles, os programas de madrugadores e comedores escolares, recursos que resultan claves para a conciliación da vida laboral e o coidado dos fillos e fillas por parte das familias. Ambos servizos arrancaban co inicio das clases, aínda que tanto o cole de San Isidro como o de Maciñeira manteñen o prazo de inscrición aberto e confían en sumar novos usuarios e usuarias a medida que vaian completándose as fases de adaptación do alumnado máis novo.
No marco das políticas municipais de conciliación, o Concello de Neda colabora no financiamento dos dous programas cunha achega económica que, no segundo e terceiro trimestre do pasado curso, ascendeu a 4.500 euros por centro.
No caso do CEIP San Isidro, tanto Madrugadores como o comedor escolar botaban a andar hai 2 anos, tras as obras de acondicionamento do espazo, realizadas polo Concello durante o curso anterior. O primeiro comeza ás 7,15 horas e prolóngase ata o inicio das clases.
Pola súa banda, no CEIP de Maciñeira este xa é o cuarto ano no que se ofrecen Madrugadores, a partir das 7,30 h, con posibilidade de almorzo, e o servizo de comedor, con hora de recollida ás 16 h.
Nos dous centros ofrecen a posibilidade de recurrir aos servizos todos os días da semana ou días soltos.
Para novas inscricións, é preciso contactar coa ANPA do CEIP San Isidro nos teléfonos 606 102 226/675 110 856 e do CEIP de Maciñeira 655 26 77 42.