O Concello de Neda convoca unha nova edición de “Nedactívate”, o programa municipal de actividades deportivas e saudables. A oferta inclúe unha ducia de propostas diferentes, entre as que figura algunha de novo cuño, como o mindfulness. Os veciños e veciñas poden apuntarse dende hoxe, de forma presencial, no centro cívico de Neda, entre as 9.15 e as 11.30 horas.
A núcleo central da programación serán, como sempre, as escolas deportivas destinadas a fomentar unha vida activa entre o público adulto. Escolas que se desenvolven entre semana, en horarios de mañá e de tarde, no citada instalación municipal.
Así, de cara ao curso que arrincará o luns 16 de setembro, o centro cívico acollerá clases de ximnasia de mantemento; ximnasia terapéutica; ximnasia funcional; zumba; bailes latinos, que comezaba, a modo de proba, a finais do pasado curso, ou sesións de ximnasio con monitor.
Non hai que esquecer tampouco as dúas propostas con maior demanda: ioga e pilates (con dous e tres grupos, respectivamente, en horarios de mañá e máis de tarde). E dende este ano, pechando a xornada do venres, o mindfulness. En paralelo, mantéñense as clases de ximnasia saudable na casilla do Puntal.
Público infantil
No que atinxe á xente nova, “Nedactívate” incluirá un par de actividades deportivas extraescolares. Así, un ano máis, ofreceranse, tamén no centro cívico, clases de baile moderno para nenos/as e mozos/as de entre 6 e 16 anos. E volven ademais as escolas de patinaxe, que se levan a cabo na pista polideportiva do Roxal. Haberá neste caso un grupo para menores de 14 anos e outro para rapazada de esa idade en diante.
En total, o Concello proporá á veciñanza preto de 40 horas semanais de actividades deportivas guiadas. E a oferta incluirá tamén, de forma periódica, andainas saudables para o conxunto da poboación.
Apuntan dende o servizo de Deportes que as prazas da totalidade das escolas deportivas son limitadas e que se asignarán por rigorosa orde de inscrición.