Sábado, Decembro 6

O Concello informa á veciñanza das medidas que se impulsarán para mellorar o abastecemento de auga

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, reuníase este mediodía na Casa da Cultura coa veciñanza para falar sobre os problemas de abastecemento de auga rexistrados no municipio entre a tarde do 13 e o 16 de agosto (falta de presión e interrupción do subministro en distintas zonas do territorio), e recoller as queixas das persoas afectadas. No encontro, informouse ademais das medidas propostas por Viaqua, firma concesionaria do servizo, para evitar que a situación se repita.

Así, o alcalde comezou aludindo á orixe do problema. A existencia de roturas detectadas na infraestrutura de subministro que, ante a escaseza de auga, cumpría reparar con urxencia;  e un baipás con Narón que, dado o elevado consumo detectado eses días nos municipios cabeceira da comarca, non dou subministrado auga coa presión suficiente para abastecer a toda a localidade.

Avanzou despois das medidas que, de forma progresiva, o Concello pretende levar a cabo. A prioridade pasa por aumentar a capacidade de bombeo de auga bruta que vai ata a ETAP dos Pazos. O paso seguinte será a posta en funcionamento dun antigo depósito para aumentar a capacidade de almacenamento e, por último, á sectorización da rede, que permitirá levar a cabo reparacións sen que afecten ao conxunto do municipio.

As persoas asistentes demandaron para este tipo de situacións canles de comunicación máis directas e eficaces e preguntaron sobre posibles reclamacións.

Share.

Comments are closed.