A Xunta vén de anunciar que a partir das 00,00 horas deste sábado quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Isto implica que, dende xa, non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste sábado.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados ao por menor os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén toda vez que a normativa prohíbe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.
Así mesmo, a Consellería de Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delictiva incendiaria da que teña coñecemento, dado que dende este sábado e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ninguna actividade agrícola e forestal para particulares. Así mesmo, a consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.