Luns, Novembro 29

A programación cultural de novembro en Neda arranca este sábado coa peza teatral “Fatum” a cargo da compañía O Catre Teatro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O teatro continúa no mes de novembro como o gran protagonista da programación cultural do Concello de Neda, que este mesmo sábado inaugura o calendario coa obra “Fatum”, a cargo da compañía O Catre Teatro de As Pontes. Será a partir das 20,30 horas na Casa da Cultura. Alí, o público adulto poderá achegarse a un debate histórico da humanidade: se a vida é un conxunto de accións fortuítas, casuais e ao azar ou se se rexe por un destino inmutable e escrito. As entradas están xa á venda ao prezo único de 2 euros, e pódense reservar chamando dende hoxe ao 981 39 02 33 (de 9 a 13 e de 16 a 20 h) e abonar o día da función. A obra inclúese no programa municipal Tempo para o Teatro, e conta co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.

Baixo o paraugas do mesmo ciclo, o teatro regresará á Casa da Cultura o venres 12 de novembro ás 20,30 h co espectáculo “A todo risco”, con Avelino González. Un paseo polo mundo (enteiro) na compaña dun home curioso. Risco era bailador, bohemio, neneiro, retranqueiro, coqueto e preguiceiro e o seu mundo, na función, está esparexido polo Libro da Selva, Harry Potter, The Beatles, o budismo, a marihuana, Walt Disney… Para descubrilo, haberá que reservar a entrada dende o 8 de novembro no 981 39 02 33. O custe único é de 2 euros.

Dirixida a un público radicalmente diferente, para nenos e nenas a partir de 5 anos, Juan Juste ofrecerá en Neda o seu espectáculo Kamishibai, que en xaponés significa teatro de papel. Pero a obra é moito máis que iso: todo un universo repleto de historias sinxelas pero ricas en sentimentos e ensinanzas. Será o xoves 25 de novembro, no salón de actos da Casa da Cultura, a partir das 18,30 h. Unha función que convida ao público asistente a realizar unha viaxe a través de lendas e mitos de diferentes lugares do planeta. A cita inclúese neste caso no programa Lesme un conto?, a entrada é gratuíta, pero con inscrición previa (dende o luns 22 de novembro) no teléfono 981 39  02 33.

Ao día seguinte, venres 26, e coa mirada posta no Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra a Muller, a Casa da Cultura acollerá ás 20,30 h a obra “Anatomía dunha serea”, de Iria Pinheiro. Na obra, unha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o parto narra a súa historia dun xeito directo, aberto e autocrítico. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá todo o visceral dun caso aberto. Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí. Mulleres e homes temos responsabilidade no que se conta nesta peza, e temos a posibilidade de mudar o relato e a Historia.

Share.

Comments are closed.