A nave do Puntal forma xa parte do patrimonio municipal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de completar os trámites da adquisición da nave situada xunto ao espigón do Puntal. O galpón, que ata os anos setenta albergou unha carpintería de ribeira, forma parte por fin do patrimonio municipal, un primeiro paso de cara á súa futura rehabilitación.

A administración local acordara a compra deste vello inmoble o 30 de decembro do 2024, estando suxeito o acordo de compravenda a que o tivera a documentación en orde para poder inscribirse no Rexistro da Propiedade. Comprobado este extremo, de conformidade cos datos obrantes na certificación rexistral, a mediados de mes ordenábase o pago a cada unha das doce persoas propietarias, e procedíase a escriturar a construción e a finca na que se sitúa.

En total, a entidade local investiu 23.430 euros en facerse coa propiedade do vello estaleiro, construído nos anos corenta polo fenés Salvador Rodríguez, despois de residir un tempo en Cuba e nos Estados Unidos.

Dado que a nave presenta un estado de conservación deficiente, o goberno local aspira a acadar, a través de subvencións, os fondos precisos para acometer agora unha reforma imprescindible para poder utilizar este espazo duns 250 metros cadrados.

Share.

Comments are closed.