A Casa da Cultura acollía este mediodía a primeira reunión de seguimento da Mesa de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Neda. O alcalde, Ángel Álvariño, e o novo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, o maxistrado Antonio Barba, copresidiron o encontro, no que se debateron propostas do ámbito sanitario e educativo para mellorar o labor preventivo e a atención ás vítimas.
Durante a reunión púxose o foco na importancia de educación para facer fronte a lacra social. E nesta liña, acordouse desenvolver accións formativas en distintos niveis, comezando polas dirixidas aos propios integrantes da mesa (dirección dos distintos centros educativos, responsable do centro de saúde, persoal dos servizos sociais, concelleiros/as, policía local…). Unha cuestión na que dende a administración autonómica se mostraron dispostos a colaborar.
Pola súa banda, dende a área de Igualdade do Concello adiantouse a próxima presentación dun protocolo para a prevención e abordaxe do acoso sexual e por razón de sexo no municipio.
A Mesa contra a violencia celebrouse tras a reunión de seguimento do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Viogén) na que participaron Garda Civil e Policía local, xunto aos membros deste equipo especializado, e representantes do goberno local. Cómpre lembrar que, tras a adhesión de Neda ao sistema, os axentes locais asumen o seguimento e control dalgúns dos casos considerados de nivel de risco baixo ou non apreciado, ocupándose a Garda Civil dos de maior risco.