A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol organiza un curso para a o obtención da titulación oficial de “Adestrador nacional en surfing nivel I”. As persoas empadroadas en Neda, e en calquera dos outros 20 concellos do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas, poden tomar parte nesta acción formativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, e busca favorecer o desenvolvendo de servizos turísticos relacionados con este deporte na comarca. O prazo para inscribirse remata o vindeiro 2 de setembro.
Entre os requirimentos para participar no curso, que arrincará en setembro con sesións teóricas presenciais no Océano Surf Museo de Valdoviño figuran ademais ser maior de 16 anos, ter superado, como mínimo os estudos da ESO, e estar federado na Federación Galega de Surf ou na Federación Española de Surfing, A admisión definitiva de participantes nesta acción formativa, que contarán con 150 horas de prácticas, estará condicionada á superación da proba de acceso (natación e surf).
O curso conta cun total de 12 prazas. E as persoas interesadas en participar teñen que presentar ata o 2 de setembro a instancia de solicitude nos rexistros xeral ou auxiliar da Mancomunidade (Casa Consistorial de Ferrol e oficinas do Mercado da Magdalena) ou a través doutros rexistros oficiais como o municipal ou nas oficinas de Correos.