Como cada ano, Neda renderá o seu particular tributo na primeira fin de semana de setembro ao produto estrela da súa gastronomía -o pan- e, como non, aos seus panadeiros e panadeiras. O Concello aposta por recuperar a celebración da Festa do Pan de Neda no seu paseo marítimo, tras un ano no que, por culpa da pandemia, o evento saltou ás redes sociais. Con todo, será unha edición moi diferente ás de toda a vida. Un evento axustado á situación sanitaria, cun potente cartel musical no que destaca Milladoiro, a ruta dos muiños e actividades para os máis pequenos da casa.
Inicialmente o goberno municipal barallaba unha edición da Festa do Pan máis clásica, que contase cos típicos postos de exhibición e venda de produtos, aínda que sen a gran comida popular de confraternidade, principal atractivo do encontro. Con todo, atendendo á vontade dos panadeiros de Neda, optouse por un formato máis reducido, esperando tempos mellores para poder recuperar a celebración en toda a súa esencia.
A programación especial arrincará o xoves 2 de setembro, a partir das 19 horas, coa primeira das catro saídas previstas da “Ruta dos muíños”. Un percorrido guiado a carón do Belelle, con saída da igrexa de Santa María, polos muíños que deron orixe á tradición panadeira do municipio. O itinerario repetirase o día 3, e máis o xoves e venres da semana seguinte.
En paralelo, activarase a través das redes sociais un certame artístico pensado para que os nenos e nenas da localidade mostren, a través de debuxos e outras creacións que se compartirán nas páxinas oficiais do Concello, o que coñecen sobre o mundo do pan e sobre a propia traxectoria da emblemática cita gastronómica nedense, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Os cativos e cativas poderán participar no día grande dun obradoiro de pan, entre as 12 e as 14 horas.
O MELLOR FOLK
Finalmente, durante a primeira fin de semana de setembro, dobre cita co folk. Os amantes da música de raíz gozarán na típica “Noite de bolos” (sábado, 21.30 horas) do concerto de Tanxugueiras. máximas expoñentes da nova xeración de cantareiras, que apostan sen complexos pola reformulación do tradicional. E o domingo 5, a partir das 19 horas, cita cos clásicos con maiúsculas. Milladoiro recala na vila, dentro da súa xira “40 anos desde Maeloc”, cun concerto no que repasará o mellor da súa discografía. A reserva de invitacións para os dous espectáculos activarase nos próximos días.