Domingo, Maio 28

A escritora María Jesús Millarengo presenta en Neda a súa última obra, “O burro do cura”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A escritora nedense María Jesús Millarengo elixiu a súa vila natal para a presentación da súa terceira obra literaria, “O burro do cura”. O acto será o vindeiro xoves 2 de xuño ás 19 horas, na Casa das Palmeiras, con entrada libre. Acompañaranna Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación de Amas de Casa da Coruña, que realizará os labores de presentación, e Julia Dopico, que porá a nota musical á xornada, ofrecendo un recital coa súa bandurria.

“O burro do cura” é unha obra historiada, prosa con sabor poético, baseada nunha historia real acontecida hai varias décadas nalgún lugar da provincia da Coruña. A autora parte dela para entrelazar diferentes historias e unha morea de peripecias arredor do animal que, segundo avanza xa Millarengo, terá un final feliz.

A presentación da súa obra en Neda non é casual, cumpre coa palabra dada ao alcalde. Neda convertíase no último municipio da rolda de presentacións da súa anterior novela, e no acto a escritora comprometíase a presentar a seguinte, “O burro do cura”, na súa localidade natal. Unha presentación que chegará este xoves e na que María Jesús Millarengo tamén asinará exemplares da obra.

Share.

Comments are closed.