A Deputación da Coruña achegará 160.000 euros ao Concello de Neda para financiar as obras da nova pasarela e a senda peonil sobre o río Belelle, nos Subarreiros. O acordo contempla unha achega provincial de 159.967,26 euros, o que supón o 80% do investimento total, cuxo orzamento ascende a 199.959,07 euros. O presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, asinaron o convenio este venres.
Esta intervención responde á necesidade de solucionar o corte do itinerario peonil producido en maio de 2024, data na que colapsou o antigo paso de madeira. A rotura da vella estrutura obrigou desde entón á veciñanza e visitantes a realizar un desvío considerable polo centro urbano e a contorna da igrexa de Santa María para poder completar o percorrido entre o paseo marítimo e a vila.
O presidente, Valentín González Formoso, explicou que o convenio asínase “atendendo a unha petición do alcalde de Neda que, por unha parte, repón unha pasarela máis que necesaria”. Neste sentido, salientou a colaboración permanente co Concello de Neda, concretada tamén a través do Plan Único de Concellos.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a axuda da Deputación ante “a situación excepcional da perda que tivemos da pasarela e esa reposición que necesitabamos, por eso agradecemos o apoio da Deputación, un apoio que non tivemos por parte da Xunta”. Neste sentido, destacou tamén o Plan Único, “que nos permite aos concellos investir en moitas infraestruturas que precisamos e non con plan finalistas ou aos que non damos accedido por cuestión de minutos”.
O proxecto substitúe o deseño orixinal por unha liña máis resistente de perfís metálicos. A pasarela, cun van de 24 metros, apoiarase sobre os estribos e cimentacións de formigón armado xa existentes no río. Sobre esta base metálica instalarase unha tarima rañurada de madeira de alta durabilidade e unha nova varanda perimetral.
Ademais da pasarela principal, as obras inclúen a renovación e revisión integral de cinco tramos da senda peonil que discorre sobre a xunqueira sobre pilotes de madeira. Actuarase na substitución do taboado deteriorado, na colocación de novos rastreis de apoio e na aplicación de tratamentos protectores superficiais, co obxectivo de previr eventuais fallos na estrutura do paseo.
As actuacións axustaranse a un prazo de execución estimado de seis semanas desde o inicio dos traballos.