Un ano máis o público da comarca terá a oportunidade de achegarse a descubrir novas propostas de jazz galego e estatal participando dunha experiencia que vai máis alá do musical e que incorpora ao programa a paisaxe atlántica como un dos seus principais atractivos. Este ano o programa amplíase a cinco días nos que o Jazz de Ría viaxará desde Narón a Neda para continuar despois por Cedeira e rematar en Valdoviño, ofrecendo 10 propostas musicais e varias actividades para achegarse ao festival e ao territorio dunha forma diferente.
Así o anunciaron esta mañá na praia de Pantín a directora, Aitana Cuétara, e representantes dos Concellos que acollen o festival. Pantín será o vindeiro martes 20 o punto de partida do roteiro ‘Balcóns ao Atlántico’ que levará ao público asistente camiñando ata a praia do Baleo con paradas para escoitar o saxo de Lois Rivera e as lendas de Antón Cortizas, finalizando co concerto de Leticia Rey, que pechará esta edición do festival coa espectacular paisaxe do Baleo de fondo.
Pero antes, o Jazz de Ría percorrerá outros catro escenarios en tres localidades. A festa do jazz dará comezo o venres da man dun dos pianistas do xénero máis recoñecidos neste momento en todo o mundo, o menorquín Marco Mezquida, que, despois de actuar nos mellores festivais e auditorios de máis de 30 países, chega ao Pazo da Cultura de Narón para ofrecerlle ao público do Jazz de Ría unha experiencia que promete deixar boas memorias. Aínda hai entradas de balde dispoñibles que poden retirarse na billeteira do Pazo de 9:00h a 14:00h e de 18:00h a 20:30h, ou chamando ao teléfono 981 102 897 no mesmo horario. O día do concerto, a billeteira estará aberta ata a hora de inicio.
O sábado, o festival vivirá unha das súas xornadas máis intensas no Parque Freixeiro de Narón con actividades e concertos durante todo o día. Na parte musical, os ferroláns Demo Rumudo, os cataláns Magalí Sare & Manuel Fortià e Alba Careta Group, e desde Compostela Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero. Completan o programa as aulas abertas de baile conducidas por SWING ON que farán tamén unha sesión DJ; o curso de palmas flamencas impartido por Isaías Salazar, e un obradoiro de fabricación de instrumentos musicais con material de refugallo a cargo da Escola da Vaca.
O domingo, a sensibilidade de Antía Muíño deixarase sentir contra o mediodía no escenario da Ribeira de San Nicolás de Neda. A súa máxica voz converteuna axiña nunha das revelacións da nova canción galega. O seu álbum debut, “Carta Aberta”, co que xirou por toda España e Portugal, levouna en moi pouco tempo a ser embaixadora de Spotify EQUAL e a presentarse en escenarios tan destacados como o do Jazzaldia (Donostia) ou o do Visa for Music (Marrocos). O seu rexistro móvese entre o jazz, o pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, sendo a súa proposta unha viaxe entre estilos perfectamente guiada. Acompañada de guitarra clásica, completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.
O luns pola tarde en Cedeira, abrirá a xornada o piano bar itinerante de Le BarLuthier con músicas dos anos 30, que darán paso á interesante proposta de jazz de vangarda do Cuarteto Federal que pechará a programación do penúltimo día de festival.
Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde na web do festival. O roteiro polos Balcóns ao Atlántico non está recomendado para persoas con mobilidade reducida.