A bandeira LGTBI+ colga dende esta mañá na fachada da Casa Consistorial con motivo do Día do Orgullo. Unha medida simbólica en defensa das reivindicacións do colectivo e como reflexo do compromiso de seguir dando pasos cara a igualdade real, e contra calquera discriminación pola orientación ou identidade sexual.
Coa colocación da bandeira arco da vella no balcón do consistorio, a administración local quere trasladar unha mensaxe de respecto á diversidade afectivo- sexual e de xéneros, e apoiar ás persoas que sofren delitos de odio e discriminación por ese motivo.
O Concello de Neda súmase ademais á campaña de sensibilización “Liberdade de Ser e Sentir”, que promove a Deputación da Coruña, e con ese lema, están impresas pulseiras que, dende hoxe, están á disposición da veciñanza na Casa Consistorial.
Finalmente, e en liña co lema “Educación, dereitos e paz: Orgullo que transforma”, da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuales, Intersexuales y más, dende o Concello se subliña o papel clave da educación como ferramenta para a transformación social e para acabar cos discursos de odio.