A Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra impartirá unha charla sobre prevención do suicidio o 1 de decembro en Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra impartirá en Neda unha charla baixo o título “Falemos de suicidio. Previlo é posible”. Celebrarase o 1 de decembro ás 16 h na Casa da Cultura, e correrá a cargo da psicóloga da entidade, Ana María Caaveiro. As persoas interesadas en asistir ao coloquio poden reservar xa a súa praza chamando ao teléfono da asociación: 981 35 13 95. Así mesmo, a charla reeditarase no mes de xaneiro, o día 12 ás 16 h, no IES Fernando Esquío.

Ambas as dúas accións forman parte do programa de prevención do suicidio en poboación xeral, trastorno mental e adictivo que impulsa a Asociación de Ex Alcohólicos e na que colabora o Concello de Neda.

Segundo a OMS, o suicidio estase a considerar nos derradeiros anos “un problema grave de saúde pública”. De feito, as estatísticas oficiais sitúana como a primeira causa de morte externa en España. De aí a importancia de incluír iniciativas de prevención, como esta, que axuden a reducilo.

Entre os obxectivos das charlas está aumentar a información sobre o suicidio, romper falsas crenzas e mitos vencellados, reducir o estigma sobre a saúde mental, proporcionar ferramentas para coñecer que facer e que non facer fronte a un caso de suicidio, ou ofrecer unha guía de recursos na zona sobre como actuar.

O citado programa conta tamén co apoio do Sergas.

Share.

Comments are closed.