A 6ª edición do Jazz de Ría terá escenarios en Narón, Neda e Cedeira

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Os concellos de Narón, Neda e Cedeira presentaban esta mañá a programación da 6ª edición do Festival Jazz de Ría, que se celebrará do 11 ao 14 de agosto. No acto, celebrado no parque Freixeiro, participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o alcalde de Cedeira, Pablo D. Moreda; a concelleira de Cultura de Neda, Verónica Vigo; o técnico de Cultura de Cedeira, Quique Vázquez; e súa homóloga de Neda, Copi Villaamil, e a directora do festival, Aitana Cuétara, que definiu o programa como “unha proposta artística que procura un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares”.

Sobre a selección de propostas deste ano, a directora explicou que despois de propoñer en 2021 unha programación moi contemporánea, neste 2022 quixo achegarse máis ás marxes do jazz; “conAQUÍ propostas que xogan con outros estilos, como o soul das Sey Sisters, o flamenco de Los Aurora ou as músicas populares d’A Brigada Bravo&Díaz”.

O alcalde de Cedeira mostrouse ilusionado por unirse ao festival, que vai coincidir co comezo das festas da vila. Moreda sinalou que queren sumar forzas para “poñer en valor o jazz e as músicas que se cruzan con el, nunha vila coma Cedeira, onde a cultura e sobre todo a música teñen sinais diferenciadores”. Tamén formulou o desexo de que a participación de Cedeira perdure no tempo e que “nuns anos o festival sexa unha referencia á que se sumen moitos máis Concellos”.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, lembrou que “a edición do ano pasado foi un éxito” e que a vontade do Concello é continuar facendo parte do festival. Ferreiro animou á xente a que “asista aos concertos en calquera das vilas, xa que non coinciden e que gocen desta semana de agosto”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura de Neda, Verónica Vigo, falou da ruta Ornithology polo río Belelle, que “vai estar limitada a 25 ou 30 persoas durante o percurso, pero que no final abrirá o aforo para que moita máis xente poida gozar do canto dos paxaros, da narración de Quico Cadaval e da música de Pablo Castaño”.

A programación do festival deséñase para cada localización concreta, polo que a integración no territorio é total. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía do Jazz de Ría. Todas as actividades son abertas, gratuítas e accesíbeis.

 

Share.

Comments are closed.